7 nov 2008

EXERCICIOS RETÓRICOS do Obama Branco da Cruz




Foi un decreto na constitución da nosa transición o que declarou o destino dunha nación[...]foi un salaio de comunistas, socialistas, liberais, democristiáns, nacionalistas e conservadores[...]mentres creaban o camiño da liberdade[...]foi unha canción cantada por emigrantes mentres viaxaban cara destinos lonxanos...pioneiros que empuxaron os seus destinos cara Latinoamérica e Centroeuropa loitando contra un terreo ibérico imposible de pasar[...]foi o chamamento dos traballadores que se organizaban, mulleres que loitaban polo seu dereito a votar, foi un presidente que escolleu a lúa coma nova fronteira...un Rei que nos mostrou o camiño cara a punta da montaña e desde aí mostrounos a terra prometida[...]si se pode ter oportunidades e prosperidade[...]si se pode curar esta nación[...]reparar este mundo[...]sabemos que a batalla que está por vir será longa pero debemos recordar que non importan os obstáculos que teñamos por diante. Nada pode poñerse no camiño do poder que teñen millóns de voces esixindo cambio[...]dixeron que non podiamos facelo os cínicos que cren que é imposible de acadar. Pedíronos que viramos a realidade tal cal é...advertíronos non dar á xente desta nación esperanzas falsas...pero na IMPROBABLE HISTORIA chamada ESPAÑA non hai nada falso en ter ESPERANZA[1][...]as esperanzas da nena pequena que vai a escola pública de Cervo son iguais que os soños do neno que aprende da vida nas rúas de Carabanchel...imos recordar algo que está pasando en España, que non estamos tan divididos como suxire a nosa política...que somos xente unida!...somos unha nación [de nacións, rexións e corazóns] unida e xuntos comezaremos o seguinte gran capítulo da historia de España con tres palabras que soarán do Atlántico ao Mediterráneo, do Cantábrico ao Estreito soleado...SI SE PODE...SI SE PODE...SI SE PODE...!!!



Desgraciadamente non todos os discursos, por brillantes que sexan, son traspoñibles a todo o mundo. ¿Pero quen pode negar a universalidade destas verbas?. Si, como di esa “esperanza” feita persoa: só os cínicos, eses senvergoñas que, na defensa e práctica das súas sectarias, dogmáticas e interesadas teorías, nos queren enquistar de forma obscena e descarada.
Con este discurso un pode ser cualificado de facha, de progre,...mesmo de secesionista [na improbable historia chamada España, ou América, como di o citado esperanzador e novo “Emperador”...como “manipulo” eu neste texto]...esa é a súa grandeza.
Porque a contradición e o conflito son propios da nosa condición humana...pero, ¿acaso a democracia non é realmente iso? ¿a vida non é iso?. Sen embargo, contradición e conflito non teñen porque ser intolerancia, non teñen porque ser sectarismo, non teñen porque ser imposición...moito menos violencia. Contradición e conflito, tese e antítese son o único método de comprensión da complexa natureza do humano (da complexa razón que nos distingue) que, por máis que un desprece o relativismo e, a diferenza do empírico, nunca acada unha verdade absoluta, un rigor indiscutible.
Curemos feridas (si, si, entenden ben...non é unha indirecta) e miremos o porvir. Optimistas naïf, iracundos pesimistas coma min, soñadores, pragmáticos,...deixemos de crer no destino e construámolo. Hai algo peor que non facer nada, deixarse levar. O colectivo nace desde o individuo e non ao revés. Sexamos pois “socios” comprometidos coa nosa sociedade. Erremos, aprendamos dos nosos erros, volvamos a errar e no camiño, acertaremos, aínda que só sexa unha vez. Amemos. Sintámonos amados e logo traizoados. Volvamos a amar. Odiemos. Desprecemos en silencio e a berros. Amemos de novo. Pero, sobre todo, obremos con principios xustos, na procura dun xusto fin. Creamos na xustiza, máis alá do Poder Xudicial...a xustiza do humano, máis alá do presunto divino. Non esperemos unha “luz reveladora”. Salgamos da “cova” e poñamos rumbo á luz da humanidade; sempre haberá unha árbore que nos de fresca sombra. Porque a fin de contas e, por máis que lles doa, só nos temos a nos mesmos.
Saben...eu, no fondo, tamén confío en que si se pode e, asegúrolles que me costa dicilo sendo como son e pensando como penso. Eu levo unha presa de area en cada peto en forma de esperanza...haber se algún día, cando menos, reviste un novo “fogar” e non un “muro”.




[1] Nin de lonxe me refiro a Esperanza Aguirre...esa si que é a paradigmática desesperanza deste país...por máis que lle foda, "Hespaña" non é súa.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Un discurso interesante o de Oboma e a súa "adaptación" á realidade española. Con moito que se critica, moito máis debéramos aprender de EEUU a única democracia na que, os herdeiros dos escalvos poden chegar á cima do poder. Hoxe, salvo a "Esperanza" que tan pouco lle gusta ao autor do post, non existe en España ninguna presidenta muller de CCAA. Cánto temos que aprender...

Anónimo dijo...

En España non precisamos unha "Esperanza" o que precisamos e máis ben algo de "Luz"...a que algún e algunha non veu máis alá da súa ventá ou do seu furado...escasean os políticos e as políticas brillantes; desde Cervo ata Valencia, pasando por Atapuerca, pouca ou ningunha clase dirixente goza de luz propia, precisa moito "foco" para saír ben na foto.