10 dic 2008

A NEGACIÓN DUN DEUS POR OBRA E GRACIA DO HUMANO por Tresillo

Crer ou non crer...esa é a cuestión. Falemos do relevante. Da nosa cultura occidental e do Cristianismo. Do Deus cristián (mesmo do monoteísmo en xeral). Rexeitemos a historia un intre e indaguemos metafisicamente, pois de xeito empírico non caben demostracións. Pois logo, partamos das súas principais premisas: a Deus atribúeselle omnipotencia (pódeo todo), omnisciencia (sábeo todo), omnipresencia (abárcao todo) e omnibenevolencia (é absolutamente bo). Ben, por outra parte, neguemos todo relativismo moral desde unha perspectiva cristiá, se queren, católica. Non cabe relativismo moral porque existe a verdade, logo, ou existe o mal ou existe o ben, unha acción ou é mala ou é boa. ¿Porque? porque Deus é a verdade, a totalidade da verdade, o puro ben moral. Admitámos que exista unha definición obxectiva do bo e o malo ou, mesmo, que Deus está por riba da moralidade, ou que a determina, de xeito que é bo o que Deus queira que sexa bo.
Pois ben, desde estas premisas, non todos os seus atributos concordan, aparecendo contradiccións que fan que se poida negar a Deus se o mesmo se sustenta ou se define nesas catro premisas. Por exemplo, afírmase que si Deus é o creador omnipotente, omnisciente e o único xuíz, entón ao crear á humanidade, incluídos ateos e pagáns, sabe como será o seu comportamento e terá que envialos ao inferno. Este Deus non pode, por tanto, ser bo desde o punto de vista de todos os humanos (do mesmo xeito que algúns afirmarán que non todos os humanos son bos desde o punto de vista de Deus). Claro, que os Cristiáns prantexan outra premisa, potente por certo, "o perdón dos pecados". Se ti actuache mal en vida, "Deus, Xesús, perdoarache". Entón as preguntas que xórden son: "que sentido ten cumprir as leis mosaicas se Deus me vai perdoar?"; "que sentido ten sacrificarme polo ben moral se Deus me vai perdoar igualmente?"; "se Xesucristo redimiu os nosos pecados co seu sacrificio ata a apocalípse, que sentido ten obrar ben? pois todos iremos ao ceo". E se non é así...un Deus puramente bo non condea, non castiga,...perdoa. E se hai perdón, sempre, en todo intre, sen conlevar ningunha pena...que sentido ten a moral?...que sentido ten a xustiza?...que mais dá transgredir ou non a "lei natural" se Deus e piadoso e permitiranos entrar igualmente no Reino dos Ceos?.
Este, o problema da existencia do mal, é un dos obstáculos prantexados polos escépticos para aceptar ese concepto de Deus. Os crentes soen alegar o «libre albedrío» dos seres humanos para explicar o mal no mundo. Agora ben, non se pode considerar compatible a omnipotencia e a omnisciencia de Deus co libre albedrío, alegando que se Deus todo o pode, intervir implicaría obstaculizar a liberdade do ser humano ou, o sabelo todo implicaría tamén que non hai nada dentro da liberdade do ser humano que no estea previamente fixado e dito...logo o destino determinado pola vontade de Deus, coñecido por Deus, elimina toda posibilidade de libre albedrío...non somos libres porque Deus determina o noso camiño (determinismo)...se é así, as nosas malas accións non son libres, non se deben á nosa vontade, porque a nosa vontade deriva do mesmo Deus que nos guía coa súa omnipotencia e nos condea ao mal e se nos condea ao mal, onde cabe a súa omnibenevolencia.
Desde outra perspectiva, a omnipotencia contraponse a característica omnibenevolente de Deus, que ao podelo todo non necesariamente fai todo, senón que deixa ao ser humano actuar dacordo coa característica libre coa que o creou nun comezo e non interfire, xa sexa por apatía ou pracer (o que de novo contradiría a benevolencia de Deus, non procurando o ben, o mellor para o home...condeandoi en vida ao infermo sen retorno ao seu Reino).
O Deus que deriva da obra humana, o Deus creado polo home...descrito, narrado, debuxado, formado, etc. pola mente creativa humana tamén ten un dos rasgos comúns da natureza do humano...a súa contradicción. Agora ben, cabe preguntarse igualmente se existe Deus...mesmo que non sexa este concreto Deus ou calquera dos que o ser humano creou coma un producto cultural. Cabe preguntarse simplemente se existe verdade ou non e se esta é relevante ou non para a nosa humanidade.
Si, a tarefa é complexa, case imposible,...para moitos, os ateos de "mínimos", inacadable pola limitación do coñecemento humano. Pero sempre caben as opcións máis radicais e sinxelas, crer que a existencia de Deus demóstrase porque o instinto puro do home confirmai ou, ser ateo porque a carga da proba e dos que simplemente cren en Deus (son os crentes os que teñen que demostrar a existencia, eu só creo no real), non sendo conscentes que mesmo no saber científico (o empirismo máis puro e duro) ou nos saberes "exactos" (as matemáticas) sempre se parte de hipóteses, que non son verdades contrastadas aínda que poidan partir de experiencias previas....e mesmo ser ateos pola causalidade máis trivial: "chico, estoy rebotao con los putos curas y el Rouco de los cojones ERGO el Dios ese non existe chorbo" (e perdoen a expresión, sobre todo os curas).
Eu asumo que Deus é unha posibilidade...neso pode consistir o agnosticismo e sen embargo eu son ateo. Son un ateo excéptico, porque asumo a certeza de que non coñecemos a verdade absoluta do universo, das súas leis, da súa ultima ratio, pero non son tan obtuso como para negar que o ser humano pode chegar a coñecer a existencia ou inexistencia das mesmas. Eu son un escéptico porque non son un nihilista e nihilistas son tanto os ateos radicais coma os crentes sectarios e dogmáticos (por moi heterodoxos que sexan). Agora ben, teñano presente, o Deus que coñecemos, o que está e preside as "sagradas escrituras" reveladas ao home é a maior obra de ciencia ficción que levamos a cabo na historia da humanidade.
Para rematar, despois deste longo e, posiblemente para vostedes, aburrido e intrascendente percorrido, considero a virtude, a razón, a moral como algo inherente á propia natureza do home...mecanismos esenciais configurados para mellor logro da súa supervivencia. Rexeito que a moral, a razón ou a virtude sexan algo convencional, porque entón serían tan arbitrarios como o propio destino que nos determina ese Deus. É dicir, o home pode non comulgar cos principios e valores racionais da moral, agora ben, a súa decisión sempre conlevará consecuencias (Guerras e Terrorismos son exemplos). Pero tamén rexeito que toda lei moral, razón ou virtude veña inspirada polo hálito dun Ser Supremo creado á nosa imaxe e semellanza pero en plan puro e perfecto. Aos crentes farialles unha pregunta: ¿se polo devir do tempo se demostrara que Deus non existe, en que repousaría a lei moral que nos inspira ou debe inspirar cara o ben? ¿que motivos teriamos para caondear a alguén por ser un déspota, un violador ou mesmo un asasino?...pénseno.

No hay comentarios: