12 may 2009

RECORDOS DE ANTONIO VEGA (xogador de chica)

Na memoria de Antonio Vega (1957-2009), grandísimo músico, grandísimo artista.

Recordo cando merquei con 17 anos o seu disco El sitio de mi recreo, creo que foi a primeira cousa, ou unha das primeiras cousas, que comprei cando cheguei a Santiago. Animáranme seguramente as recomendacións que lera nalgunha revista e o seu prezo porque, para que negalo, estaba case regalado (el nunca tivo, seguramente, o recoñecemento que merecía e que teñen outros músicos, quizáis non sabía -ou non lle interesaba- publicitarse). Cando un ten esa idade, a súa paciencia cos discos (e con case todo na vida) é limitada, ou mellor, nula, e logo de escoitar algunhas cancións das que non entendía nin papa (Se dejaba llevar ou Una décima de segundo), entráronme ganas de tirar con todo. Máis aínda cando escoitei a versión do bolero Ansiedad, porque, supostamente, un adolescente que se precie debía despreciar e repudiar todo aquelo que lles gusta (ou representa) aos seus pais. Menos mal que apareceron Esperando nada, Lucha de gigantes e sobre todo, El sitio de mi recreo, o tema que daba título á colección. Para un chaval tan impaciente e nervioso coma mín, escoitar unha canción tan plena, tan sinxela, tan grande, foi algo distinto. A partir de aí, neses días, fun poñendo o disco case obsesivamente e, pouco a pouco, buscando, preocupándome, aprendín tamén a apreciar a grandeza daquelas outras cancións que ó principio non me agradaban, simplemente porque quen escoitaba non estaba á altura, porque non as entendía. Seguramente, El sitio de mi recreo foi un dos catro ou cinco discos que consolidaron a miña veneración pola música, un arte sen o que non entendería a miña vida, algo que me axuda e dá satisfaccións tódolos días.

Hoxe quixera abrazar e darlle as gracias a Antonio Vega por isto, por tantas enormes cancións, e polas incontables noites nas que durmín amantado por El sitio de mi recreo; as dúbidas e o insomnio quedaban sempre a un lado, deixándolle paso á voz de Antonio, deixándolle paso á calma.

3 comentarios:

Hotman dijo...

Sabes que me uno a esas palabras. Gran artigo Xogador.Eu tamén medrei na miña adolescencia con Antonio Vega. E puidemos velo en pleno directo e a 10 metros de distancia en Viveiro ,que se ekivokara curiosamente no tema EL SITIO DE MI RECREO.Pero foi, e será un referente. Grande Antonio

Faragullas dijo...

Moi bonito artigo. Unha homenaxe á altura deste gran artista.

Tresillo dijo...

Sabes do meu escaso aprecio pola música de canta-autor (sobre todo destes postmodernos) . Un "radical" coma mín, ás veces, ponse (tal vez dunha forma artificiosa) nesa posición de despreciar a quen fai letras tan complexas e pretenciosas que para unha música que ten tres ou catro acordes de guitarra e uns cantos arreglos de producción acaban semellando a un traxe de Valenciaga para Teté Delgado.
Pero este non é o caso. Non hai nada de complexo nas letras do Antonio Vega, nin moito menos son pretenciosas.
Ao igual que ti, pero sete ou oito anos antes, cando eu tiña 16 anos, repetidor incansable do Bachillerato Unificado Polivalente, no Talbot Chorizon de meu irmán atopábase unha TDK Chrome de 60 minutos que, con moi boa caligrafía, poñía: Antonio Vega. "El sitio de mi recreo". Prendín a radio cassete blau punt e chantei a cinta pola cara A, sen rebobinar nin hostias, e escoitei:

"Vivo enla calle, estudio de aprendiz
con libros que en la escuela nunca vi
abro mi puerta, quiero entrar y salir
y refrescarme antes de repetir".

Estremecínme e sentinme retratado...nada máis.