9 may 2007

Carta aberta a Faragullas (e aos que a queiran ler) en resposta ao seu comentario sobre Ásnar. Tresillo.


Ben prezado Faragullas, como ti ben sabes tanto o heterónimo como o homónimo (tresillo e máis eu) pintamos vermello, sease, somos de esquerdas. Claro, en principio esto non di nada, só implica un factor de diferenciación detrais dunha denominación ou marca. Eu creo que moitos confunden o mundo progre coa esquerda e pouca xente sabería ben dicir que é ser ou que é a esquerda.

Cando plantexas a discusión sobre a lei do tabaco, a lei do tráfico e a lei do alcohol, falas de dous campos distintos da acción instrumental do estado, acción do goberno a través do parlamento (acción executiva a través do poder lexislativo). No caso da regulación do consumo do tabaco e no intento de regulación do alcohol, o estado está a intervir directamente sobre os dereitos dos cidadáns (sexan maioría ou minoría) entre outros dereitos. Loxicamente, este intervencionismo responde a cuestións de ética cívica, pero proxectase sobre os dereitos e liberdades individuais, o cal sempre conleva riscos. No caso do tráfico, a regulación non se proxecta sobre tales dereitos e liberdades individuais, senón sobre un dereito colectivo á seguridade; a carretera non é propiedade dos individuos e de carácter público, logo, ninguén pode exercer dereitos subxectivos sobre ela. O modo de conducir debe vir sempre determinado polo estado e non pola autonomía da vontade de cada cidadán, en pura lóxica. Volvendo sobre o primeiro caso, evidentemente non hai un dereito a beber, nin un dereito a fumar, pero si hai un dereito ao desenrolo libre da personalidade, o cal implica que cada quen fai co seu corpo o que quere, ata este punto, ningún estado pode prohibir a conducta individual de cada un. Pero toda liberdade ou dereito ten os seus límites, os cales, xeralmente son moi difusos. A cuestión é que o dereito á saúde pública (dereito colectivo) dalgún xeito debe limitar o consumo dun producto como o tabaco en espacios públicos pechados, mesmo espacios privados onde se desenrolan actividades laborais. Pero a cuestión controvertida, para min cando menos, é que o Estado non pode chegar a determinar que tipo de productos "legais" (por moi nocivos que sexan) se poden consumir nun local de ocio (sector hostelería, basicamente): primeiro, porque limitan os dereitos do empresario de exercitar libremente a súa actividade comercial e segundo, porque límita o dereito a consumir un producto aos individuos nun espacio non público onde o acceso é absolutamente voluntario (un non fumador pode elexir ir ou non ir). Creo que a lei do tabaco parte dunha boa intención, sen embargo ao final parece criminalizar a figura do fumador (non así a das multinacionais tabaqueiras), e esto non é propio dun estado democrático e social coma o noso.

Falaba antes de que a xente non sabe moi ben o que significa ser de esquerdas (bueno, igual eu tampouco); sen pretender establecer aquí ningunha tese e tentando apartarme de reduccionismos, hoxe en día, (a esquerda moderna), o significado de facto do "pensamento de esquerdas" é o intento de reducir as diferencias económicas entre clases; para tal obxectivo trátase de tomar medidas para redistribuir a riqueza; as personas de clase alta (personas que poseen máis riquezas que a media) requíreselle pagar impostos máis altos que a media das personas dese país, co fin de distribuir a riqueza na sociedade e ofrecer ou facilitar oportunidades que individuos de clase baixa non podrían ter. Dende esta perspectiva xustifícase que nun estado social e democrático de dereito exista unha seguridade social que realiza transferencias vía subsidios (xubilacións, prestacións por desemprego, por invalidez, maternidade, etc.), un sistema educativo público e unha sanidade pública. Os tres pilares que sustentan a acción da ideoloxía de esquerdas. Baixo o meu punto de vista, o intervencionismo do estado debe ter acción neste campo e non así nos dereitos e liberdades dos individuos, máis alá do estrictamente determinado polos dereitos fundamentais do home e dos dereitos colectivos dunha sociedade, que establecen límites necesarios.

Finalmente, tras extenderme tanto (podedes voltar a facer unha crítica sobre isto) o problema da dereita disque liberal (neoconservadurismo, neoliberalismo) é que xa non é que postule cuestións retrogadas no ámbeto ético e moral, senón que o perigo é que queren baciar de contido ao propio Estado social e democrático. Dende a súa perspectiva o Estado non está nin máis nin menos que para protexer os intereses das grandes empresas, do gran capital e consideran que a sociedade e perfectamente capaz de autoregularse e repartir a riqueza que xenera. Ata diría que o neoliberalismo supera con creces ao liberalismo de finais do S.XIX e comezos do XX (o cal fracasou estrepitosamente, duas guerras mundiais e o crack do 1929 confírmano); digo que o supera, porque se daquela o estado tiña a función de protexer a propiedade privada, a seguridade interior do país e as fronteiras con outros estados, hoxe os neocon pretenden que o estado utilice os seus mecanismos de defensa externa só para defender os seus intereses económicos no exterior (vexase EE.UU e Irak ou Latino América), importándolles ben pouco a seguridade e dereitos cidadás (a policía son funcionarios, logo son gasto público, que cada quen pague a súa seguridade) e menos aínda o sistema social de garantías (impostos, carga para o capital).

3 comentarios:

que_me_importa_a_min dijo...

Tresillo botávaseche de menos.

Anónimo dijo...

Canta razón. A intromisión do estado en certos aspectos da vida privada(fumar ou non fumar) e a que non o é tanto(lei de paridade, que por suposto se sustenta nunha base digamos "semilóxica"(senón a ver quen se atreve a respaldalas), trae un cheiro a propaganda para as urnas insultante.
A lei da oferta e da demanda encárgase de regulalo dunha forma sabia e simple, de xeito que o empresariado non necesite de ninguén que lle estableza condicións para o libre exercicio da venta de productos dentro do marco legal. Sí por exemplo para as cuestións arquitectócnicas, que escapan da súa competencia e atenden a cuestións fundamentais coma a accesibilidade, evacuación, garantías,...Do mesmo modo que local non trata con certos productos que outros sí o fan, por motivos de exclusividade, orientación a un certo sector da clientela, cada cal verá se lle é máis rentable que se poida fumar, vender tabaco, café(moi nocivo tamén), donuts dos americanos(unha bomba pero como están) ou pagar 7€ o combinado(iso sí debería estar penado).

Anónimo dijo...

Ben, Tresillo, véxome case que obrigado a respostar pola túa mención á miña persoa no título do artigo. Sen embargo estou bastante dacordo contigo.

A pesar de que as diferencias de opinión con respecto ó expresado polo Metodista poden ser algo maiores comezo dándolle a razón no tocante á lei de paridade, que me parece un tanto desacertada. Creo que se redactou con boa intención pero o certo é que homes e mulleres somos diferentes, en carácter, en intereses e en aptitudes e capacidades. Asumindo esto é normal que existan traballos exercidos maioritariamente por un ou outro sexo. Sería inadmisible a estas alturas negarlle o acceso a un traballo a unha persoa pola súa condición de home ou muller, pero sempre e cando estea tanto ou máis cualificado para desempeñalo que o resto dos candidat@s.

No tocante á lei do tabaco non me parece sinceramente que criminalice a figura do fumador, nin que sexa unha intromisión do estado na vida privada dos cidadáns. Como ti mesmo dis, era necesario limitar o consumo de tabaco en lugares públicos pechados e nos lugares de traballo; para defender o dereito á saúde pública daqueles que optan libremente por non fumar, porque ademais dun prexuízo para a saúde supón unha molestia para os non fumadores (xa que boa parte dos fumadores son bastante desconsiderados neste aspecto), e porque frecuentemente se producía nos centros de traballo un agravio comparativo ó saír os fumadores a “botar un pito” mentres os seus compañeiros seguían no posto.
En canto ós locais de hostalería, hai que ter en conta varias cousas. Por unha banda son tamén un lugar de traballo; e paréceme correcto que o empresario decida renunciar ós seus dereitos pero non sei se ten capacidade tamén para renunciar ós dereitos dos seus traballadores. Por outra banda, anque privados, son tamén lugares de uso público nos que de feito entran fumadores, non fumadores, nenos, e todo quisqui vamos. E, sobre todo, hai que ter presente que a lei non prohibe fumar nestes lugares, senón que o que di é que en locais de grande superficie deben establecerse zonas libres de fume, sen impedir para nada que se establezan igualmente zonas para fumadores. Nos locais de reducida superficie nos que non é posible a separación de ambientes o empresario ten que escoller, e na práctica todos sabemos o que escolleron. Creo que se entende claramente que a intención da lei é que a liberdade dunha persoa para decidir fumar non sexa ademais unha imposición a respirar fume ós que non gusten de facelo. En resume, considero que na práctica a aplicación desta lei foi netamente positiva.

Vou agora coa lei do alcohol que se quere introducir. Teño que dicir que descoñezo case totalmente o seu contido, pero escoitei que dous dos puntos son a prohibición total de consumo de alcohol a menores de idade, e a perda dos beneficios fiscais que ata agora tiña o viño. Sobre a prohibición de beber a menores de idade non fai falla dicir nada. En canto ó tema do viño, ata agora era tratado como un ben de primeira necesidade, de modo que se lle aplicaban os mesmos impostos que ao pan por exemplo, mentres que o resto das bebidas alcohólicas teñen uns impostos altísimos. Vamos, que se todo é así semella unha lei bastante lóxica.

Si, xa calo. Lamento a extensión.